Exposición Outubro e Novembro 2024

ÚLTIMA EXPOSICIÓN DO 2024 EN FARO VILÁN

Desde o mércores 2 de outubro a sala de exposicións de Faro Vilán albergará a última exposición deste ano 2024, FAROS, de Luís Felipe Capellín poderase gozar en horario de mércores a domingo de 10-14 e de 15-18 durante este mes de outubro e novembro.

Bosquexos de FAROS é unha serie composta por 96 esbozos realizados todos eles con lapis de grafito, bolígrafo e carboncillo, teñen unha medida de 21×13 centímetros e están colocados, de 4 en 4, sobre un soporte de cartón pluma de 70×50 centímetros.
Os bosquexos buscan suxerir, por iso non son debuxos terminados, e tentan trasladar ao espectador unha historia que, en comunidades con quilómetros de costa mariña, sempre estivo presente e na que os faros son símbolo de seguridade e de amparo para pescadores e mariñeiros e continúan, na actualidade, sendo unha ferramenta imprescindible para os traballadores dun colectivo non sempre, suficientemente, valorado.
Pero os faros non acaban neste país e, en moitos casos, con grandes diferenzas en canto a tipo de construción e medidas, están presentes, non só, ao longo dos mares do mundo se non, tamén, nos grandes lagos.
Por outra banda, en canto á exposición, algúns dos bosquexos van acompañados dun Hayku, figura poética xaponesa composta de tres versos, tradicionalmente, formado cada un deles por 5, 7 e outra vez 5 sílabas, e que recollen o sentimento que transmite o obxecto que se está vendo, neste caso O FARO.